top of page

Que é?

PLAN CORRESPONSABLES

Política pública posta en marcha polo Ministerio de Igualdade no ano 2021 en colaboración coas Comunidades e Cidades Autónomas, que ten como obxectivo fundamental garantir o coidado como un dereito en España dende unha perspectiva de igualdade entre mulleres e homes.

​

En Galicia desenvólvese gracias á cooperación da Xunta e mediante as axudas destinadas a concellos, ANPAS e entidades como FEMUPO, que asume así un dos principais eixos do Plan nacional como axente social (co)responsable do avance cara a igualdade real: a formación profesional para obter a acreditación da experiencia de coidado non formal.

PLAN CORRESPONSABLES

Cales son os eixos principais?

Segundo o informe do Plan Corresponsables 2025, o sector dos coidados no noso país está feminizado case na súa totalidade (98.2%) e as condicións laborais describen unha alta inseguridade e baixos salarios (case un 60% inferior ao promedio dos demais sectores de actividade). Recoñecer o valor desta labor imprescindible para a vida a través da súa profesionalización e dignificación supón un paso esencial para mellorar a situación das mulleres nunha realidade diferente e diferenciada e comezar a sensibilizar sobre a necesidade de corresponsabilidade. Porque a igualdade tamén pasa por repartir tempos, coidados e oportunidades.

​​

1. Creación de bolsas de coidado profesional a domicilio ou en espazos públicos habilitados

As bolsas visibilizan aos coidadores e coidadoras profesionalizadas, á vez que facilitan a rapidez e eficacia da contratación para que as familias poidan conciliar mellor a súa vida laboral e persoal no coidado das súas fillas e fillos menores de 16 anos.

 

2. Fomento do emprego de calidade no sector

O aumento da empregabilidade implica non só crear novas oportunidades laborais senón que estas sexan de calidade, transformando en actividade laboral regulada o coidado de menores.

 

3. Habilitación de mecanismos de acreditación da experiencia de coidado non formal

Dende o Plan Corresponsables Femupo traballamos para facilitar o aceso ao Certificado de Profesionalidade no Coidado de Menores ate 16 anos, por iso ofrecemos formación gratuíta ás mulleres que se queiran instruír ou valorizar a súa experiencia no eido de cara a poder exercer con garantías. Se es empresa de ocio e tempo libre ou relacionada co coidado de menores, este Plan tamén é para ti.

​

Estas medidas precisan da aplicación transversal da perspectiva de xénero en consonancia cos valores que as motivan, así como acompañarse de programas de sensibilización e empoderamento. Cando medran as mulleres, medra a sociedade e non basta con cubrir as necesidades prácticas a curto-medio prazo destas (empregabilidade) senón tamén as necesidades estratéxicas que supoñen a transformación a longo prazo (corresponsabilidade).

Cales son os valores fundamentais?

PLAN CORRESPONSABLES

IGUALDADE DE XÉNERO

As normas tradicionais e sexistas manteñen historicamente ás mulleres invisibilizadas nos espazos domésticos de coidados e reprodución da vida, sen apenas recoñecemento social ou económico, levando a cabo ademais as dobres ou triplas xornadas (traballo remunerado xunto con traballo de coidados non remunerado). O Plan Corresponsables pretende rachar cos roles asignados e promove que homes e mulleres compartan as responsabilidades de xeito equitativo para pasar da igualdade legal á igualdade real e efectiva. Porque a igualdade tamén se constrúe dende a formación, a atención e o recoñecemento dos coidados.

 

CORRESPONSABILIDADE E CONCILIACIÓN

Cabe salientar tamén a feminización dos dereitos de conciliación, reafirmando de novo que se ben existen as medidas legais desfrutables para ambos sexos, o impacto non se traduce de xeito igualmente favorable na realidade: o 85% de quenes piden excedencias en Galicia para coidar a familiares ou persoas dependentes son mulleres. O traballo de sensibilización do Plan Corresponsables busca crear finalmente equilibrio entre a vida laboral e a vida persoal, o cal implica democratizar tamén a vida doméstica para que se concedan as mesmas oportunidades de desenvolvemento profesional e participación dende os propios fogares ate as institucións. Sen corresponsabilidade non hai posibilidade de conciliación e sen medidas de conciliación eficaces e accesibles a corresponsabilidade queda a medio camiño.

 

EMPODERAMENTO DAS MULLERES

No primeiro chanzo do proceso de empoderamento sitúase o poder interno, a toma de conciencia da propia situación e das súas causas para construir o sentido de control, confianza e a autoestima. No segundo chanzo da escaleira, o poder con, a capacidade de organizarse colectivamente xunto con outras mulleres e baixo o sentimento de pertenza. No terceiro e último, estaría o poder de, a habilidade de mobilizarse para cambiar a realidade, vinculada estreitamente coa participación social e política así como coa toma de decisións no ámbito laboral e familiar. En FEMUPO sabemos que este camiño leva a un maior desenvolvemento profesional e persoal, por iso ofrecemos no noso Plan as formacións EmpoderaT, onde cada curso e cada encontro convertese nun espazo de aprendizaxe, convivencia e sororidade. Seguimos medrando, compartindo coñecementos e creando redes que fortalecen o noso tecido asociativo. Porque cando as mulleres se xuntan, ocorren cousas marabillosas!

 

BENEFICIOS PARA AS SOCIEDADES

En España as mulleres representan o 50.8% da poboación. Desatender a súa situación específica implicaría esquecer á metade do país. Promover a corresponsabilidade e universalizar os coidados non só beneficia a unha metade senón ás familias enteiras e a quenes os precisan, o cal pasa por recoñecer que todas as persoas necesitamos coidados ao longo da vida. Non se trata dun asunto de mulleres, senón de saúde pública. A igualdade é unha condición para o benestar, xustiza e sustentabilidade das sociedades democráticas. Ademais, o Instituto Europeo pola Igualdade de Xénero conclúe que reducir a fenda laboral aumentaría o PIB per cápita ata case un 5,5% para 2050 e suporía ata 6 millóns de novos empregos. Coidar tamén é construir futuro e dende o Plan Corresponsables Femupo formamos para transformar as nosas comunidades.

 

POLÍTICAS E PROGRAMAS DE APOIO

Para facer posible a conciliación dende todas as esferas, moitos gobernos e organizacións promoven a corresponsabilidade e conciliación a través de campañas e medidas que, por exemplo, brindan incentivos para que os pais e homes en xeral se involucren na crianza activa e nas tarefas domésticas: permisos relacionados cos coidados, servizos públicos e accesibles de coidado, flexibilidade horaria e espacial, formacións, excedencias...

Achegamento ao rural

O Plan Corresponsables Femupo tamén actúa sobre as realidades diferenciadas das mulleres do rural, que supoñen máis do 80% do total de persoas adicadas aos coidados en España mentres compoñen a segunda taxa de paro rural feminino máis alta de Europa. Ante as maiores barreiras de mobilidade (non só polo envecellemento da poboación das aldeas senón pola ausencia de redes de transporte público accesibles e por unha menor obtención do carné de conducir) achegamos as nosas formacións de xeito presencial a diferentes concellos. Unha fenda de xénero dixital acentuada tamén reduce a accesibilidade e flexibilidade que ofrecen os cursos a distancia, pois si ben as taxas de acceso á rede son moi similares entre sexos, as diferenzas residen nos usos e habilidades. Con DixitalizaT capacitamos en competencias básicas, intermedias e avanzadas para dar un paso máis cara a autonomía e a profesionalización das mulleres rurais e de todas.

Esta iniciativa levase a cabo en desenvolvemento do Plan Corresponsables.

Cofinanciado polo Plan Corresponsables, Ministerio de Igualdad, Gobierno de España e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

politicasocial-igualdade-positivo.png

© 2023 Creado por el Proyecto Voz con Wix.com

bottom of page